top of page
Buscar
  • Foto del escritorProfe Sara

Luns, 30 de marzo de 2020

Ola, Compañía!

Agardo que sigades moi ben. Sei que estades a facelo xenial.


Antes de pasar a comentar as tarefas por profesións, tres cousiñas para todos e todas:


  1. A primeira é que, a partir de agora, publicarei unha vez á semana, sempre os luns. Deste xeito teredes máis tempo para facer as tarefas e enviarmas, e así sabedes perfectamente que día haberá nova entrada do blogue e podedes estar atentos e atentas.

  2. A segunda é que, aínda que podedes enviarme as cousas ao correo roquenroll2018@gmail.com, tamén podedes mandalas por Abalar, que as vexo igualmente. O que vos sexa máis cómodo!

  3. Por último, dicirvos que deixo o guión do primeiro acto NA PESTANA DE LÓVA. O único que fixen foi corrixir algunha falta e cadrar un pouquiño o formato do texto. Os cinco intérpretes protagonistas están identificados coas seguintes cores, para que sexa máis fácil de ver e estudar: Lucía (Carla): violeta / Osana (Aitana): laranxa / Carlos (Anxo): verde / Mateo (Aarón): azul / Frederick (Diego): vermello.

Dito isto, seguimos:

Tendo en conta o calendario escolar, esta semana só teriamos unha sesión LÓVA (a de mañá, martes 31), pois o venres día 3 é festivo en Cangas e xa non habería cole (comezarían as vacacións de Semana Santa). Por esta razón, as tarefas que vos vou mandar hoxe son máis longas e teñen como data límite de entrega o domingo 12 de abril pero, por suposto, podedes escribirme cando queirades para preguntarme dúbidas. Vexo o correo tódolos días.


Aquí van as tarefas para cada profesión. Lede todo, aínda que non sexa a vosa profesión. É moi importante a comunicación cos vosos compañeiros e compañeiras:

  • Directora de produción: contacta cos portavoces ou secretarios de cada profesión empregando a plantilla de rexistro do traballo do día que fixérades para as sesións e pídelles que che digan en que punto do traballo están e que necesitan. Elabora un informe con eses datos na plantilla e envíamo ;)

  • Rexedor: le o guión e comeza a memorizalo. Anota nel (da forma en que che sexa máis cómodo e visual) as entradas e saídas de escena e, cando as teñas, envíamas!

  • Maquillaxe e vestiario: elaborade os bocetos do vestiario das escenas do primeiro acto. Podedes repartirvos o traballo (por exemplo, que cada unha se encargue de facer os de un personaxe, pero é só unha idea, organizádevos como queirades). Enviádeme os bocetos. Despois, co que teñades por casa, intentade facer probas de vestiario en base aos bocetos que fixerades, sacade fotos e enviádemas tamén.

  • Compositores/as: co guión diante, anotade nel os momentos musicais que vai haber, tanto as cancións coma os efectos de son. Ensaiade as vosas partes na medida na que poidades cos instrumentos que teñades pola casa (podedes mandarme algún audio se queredes). Por último, intentade facer probas de como poderían soar os demais momentos musicais e mandádeme tamén algunha cousiña, así imos construindo entre todos ata ter xa pechada toda a música do prmeiro acto.

  • Iluminadores/as: anotade no guión os momentos nos que vai haber cambios de luz e como van a ser esas luces. Despois, repartídevos eses momentos e facede un boceto en papel (un debuxo, aínda que tamén podedes empregar algún programa de ordenador se vos é máis doado) no que apareza o escenario do auditorio iluminado coas cores e intensidades que necesitedes en cada escena. Isto vainos a axudar a visualizalo e a construir os focos máis facilmente.

  • Escritores/as: hai que especificar que xuíces van dicir as frases que faltan por identificar e que están escritas como "xuíz___". As partes que aparecen subliñadas son para que completedes o diálogo. Sería perfecto que traballarades nisto a través do Drive. Se tedes algunha dúbida de como facelo, escribídeme. O importante é que quede pechado o Acto 1.

  • Escenógrafos/as: anotade que elementos ides precisar en cada escena, facendo unha lista, de forma que o teñamos todo organizado no momento da representación e non se nos perda nada. É importante que deixemos pechada toda a escenografía do primeiro acto. Vede que elementos vos faltan por facer deste acto e, se podedes, construíde algún na casa e mandádeme algunha foto.

  • Documentalistas: remitireivos tódalas fotos que me cheguen destas tarefas que mando hoxe. Xa que non podedes facer fotos no cole, porque non nos podemos reunir, pásovos as que me vaian chegando. Comezade a traballar cun editor de vídeo para montar o vídeo do proceso que proxectaremos na estrea. Por outra banda, os Relacións Públicas enviaranvos o resultado da investigación de "Que é LÓVA para ti?". Facede unha presentación na que escribades o nome de cada un e a palabra que escolleu.

  • Relacións Públicas: tedes que encargarvos de preguntar a cada membro da compañía "Que é LÓVA para ti?". Teñen que respondervos cunha soa palabra. Facede unha lista onde reflexedes o nome da persoa e a súa resposta. Isto vai para a exposición final. Repartídevos o traballo e será máis doado. Unha vez que os teñades, pasádello aos documentalistas (e a min tamén).

  • Intérpretes: ensaiade moi ben a vosa parte de texto. Podedes, incluso, pedirlle a alguén que estea na casa que vos lea as partes dos outros personaxes, mentres vós interpretades as vosas frases. Actuade, vivídeo e memorizade o texto. Se tedes tempo incluso, podedes gravar un vídeo e enviarmo. Así os documentalistas poderán arquivalo coma parte dos ensaios.



MOITO ÁNIMO!

Á volta das "vacacións", agardamos ter máis información sobre como imos seguir traballando, pero de momento o obxectivo é enfocarnos nestas tarefas e nestas dúas semanas que temos por diante! Traballade, escribídeme para as dúbidas, por favor. Como dixo o escritor arxentino Jorge Luis Borges, "Dudar es el sinónimo más cercano a la sabiduría".



Non vos esquezades de seguir remando xuntos...cantando Olelé ;)




127 visualizaciones1 comentario

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page